Na actualidade a titulación universitaria de Enxeñería Técnica Forestal deixou de impartirse pasando a implantarse os "Títulos de Grao Forestal". Esta reforma veu determinada polo "Real Decreto 861/2010, de 2 de Julio, por el que se establece la ordenación de las enseñanzas universitarias oficiales". Dita norma reglamentaria dotou ó sistema universitario español no seu proceso de converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior, cumprindo así os compromisos adquiridos polo Goberno ao subscribir a Declaración de Bolonia e en particular, co mandato de levar a cabo a adaptación de tódalas ensinanzas a nova estrutura no ano 2010. Así o primeiro gran reto que tivo que afrontar a universidade española foi aquel da completa transformación da oferta de ensinanzas para adaptala as esixencias da nova ordenación. Esta transformación realizouse de maneira xeneralizada na implantación dos novos títulos de Grado. A denominación concreta do novo título de Grao é competencia de cada universidade.
A titulación que coñecemos como Enxeñería Técnica Forestal experimentou distintos cambios ó longo da historia: En 1862 créase dentro do Ministerio de Fomento e dependente da Dirección Xeral de Obras Públicas, Agricultura, Industria e Comercio a figura de Axudante de Montes. O único requisito para ser nomeado Axudante de Montes era estar en posesión do Título de Perito Agrícola ou Agrimensor, non cambiando os estudios necesarios (sen apenas formación específica) ata 1903.
Neste ano decídese a creación do Corpo Auxiliar de Facultativos de Montes, e o procedemento de selección para ingresar no mesmo. É dous anos máis tarde, no 1905, cando se dita o Regulamento do corpo e se realiza a primeira oposición, esixindo ós opositores ter cursadas unha serie de materias máis acordes coa profesión como Topografía, Historia Natural, Silvicultura, Ordenación e Valoración de Montes. Pódese dicir que a partir desta data xurde a profesión con categoría técnica, embrión da actual Enxeñería Técnica Forestal.
No ano 1957, coa aprobación da Lei de Ordenación de Ensinanzas Técnicas, créase o Título Universitario de Perito de Montes e a Escola de Peritos de Montes. Esta escola vai funcionar, por primeira vez en España, nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid, ata que en 1960 se inaugura a Escola Técnica de Peritos de Montes na Cidade Universitaria de Madrid.
Trala Lei de Reordenación das Ensinanzas Técnicas de Grao Medio en 1964, aparece a denominación de Enxeñeiro Técnico Forestal, pasando tamén a Escola Técnica de Peritos de Montes a chamarse Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal.
|