FEIRA FORESTAL GALIFOREST ABANCA 2026 -Do 02 ao 04 de Xullo de 2026 en Sergude

01 maio, 2026

O COETFG como membro do comité organizador de GALIFOREST ABANCA 2026 estará presente no evento, tanto como Expositor no stand #Galiciaémadeira promovido pola @Axencia Galega da Industria Forestal, como participando nas distintas actividades programadas: Membro do Xurado do Concurso de Innovación, Actos oficiais, ...

Por iso estamos encantados de convidarte á feira e de recibirte no noso stand. O horario de visitas é de 10.00 a 20.00 horas. Para acceder podes solicitarnos o PASE PROFESIONAL enviándonos un correo a: coetfoga@forestaisgalicia.es

A organización do evento ultima unha gran cita que se abrirá a toda a cadea monte-industria e que porá en contacto durante tres días a empresas, institucións e profesionais.

Será do 2 ao 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (concello de Boqueixón, moi próximo a Santiago de Compostela).

Este certame volve a superarse e celebrará a súa maior edición tanto en expositores directos como en superficie. Un crecemento que reflicte tanto o apoio do sector a este monográfico como a súa consolidación como cita forestal.

Esta área expositiva contará coa presenza das firmas máis importantes do sector, que presentarán as súas últimas innovacións tecnolóxicas e novos proxectos.

O programa da feira incluirá demostracións continuadas de maquinaria, conferencias e o seu recoñecido Concurso de Innovación, ademais de outras propostas dos expositores.

Todo isto nunha contorna forestal, con boa comunicación, fácil acceso e excelentes infraestruturas no que se poderá ver en funcionamento a maquinaria exposta.

Atoparás toda a información desta edición 2026 en www.galiforest.com