Reunión de Asesores Xurídicos de Unión Profesional de Galicia

Con motivo da celebración do “SIMPOSIUM DE INNOVACIÓN E COMPROMISO PROFESIONAL 2025” que tivo lugar o pasado sábado día 10/05/2025 en Santiago de Compostela, e en sesión pararela a dito encontro, reuníronse os departamentos Xurídicos dos Colexios Profesionais de Unión Profesional de Galicia xunto cos da propia UPGa que tamén dan soporte a todos os colexios membros.

Foi unha reunión intensa, na que tendo en conta a interdisciplinariedade dos asistentes, quedaron evidenciadas problemáticas comúns a unha maioría importante das profesións que agrupa a Unión Profesional.

A sesión abriu espazo e reflexión sobre a Colexiación obrigatoria, xa indiscutible para exercer distintas profesións, en calquera das súas modalidades e competencias.

Deste xeito, quedou avalada unha vez mais entre outras profesións, a obrigatoriedade de colexiación no COETF de Galicia para desenvolver a profesión regulada da Enxeñaría Técnica Forestal cando a persoa titulada conta domicilio profesional en Galicia. Normativa vixente en materia de colexios profesionais:

Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais,

Ley 11/2001, de 18 de septiembre, de colegios profesionales de la Comunidad Autónoma de Galicia

Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio

Lei 25/2009, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio,

Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior

Decreto 174/2022, do 4 de agosto, polo que se aproban os estatutos do COETFG

Debateuse sobre a Colexiación de Oficio, como ferramenta legal que habilita aos colexios profesionais para facer efectiva a colexiación ante o exercicio irregular, avalada pola Sentencia ditada polo Tribunal Supremo (STS 2791/2018) de 16 de xullo de 2018, así como as ferramentas legais para evitar o intrusismo profesional.

Apuntouse ademais a necesidade do requirimento por parte das administracións públicas da Colexiación e do Visado de Traballos profesionais, na súa relación e tramitación de expedientes e autorizacións para os que se require a intervencións das profesións reguladas e de colexiación obrigatoria.

Tamén se fixo fincapé na figura do Testamento Profesional e na importancia da designación de profesionais para a continuidade dos traballos e/ou expedientes que se estean a levar a cabo, de xeito que se habilite a continuidade dos mesmos sen paralizacións por parte das administracións públicas e outros estamentos.

A sesión finalizou co compromiso de dar continuidade ao traballo avanzado e nas cuestións debatidas, co propósito de garantir o desenvolvemento das profesións, fortalecendo a seguridade xurídica tanto das e dos profesionais como das entidades que representamos e defendemos as distintas profesións e ás persoas colexiadas.