
Consulta Pública do “Documento de revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-costa” (2028-2033)
Con data 16/09/2025, deu inicio a consulta pública da revisión e actualización dos Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación da demarcación hidrográfica Galicia Costa para o ciclo 2028-2033, tal e como se anunciaba na resolución de 4 de setembro da Dirección de Augas de Galicia publicada no DOG, e cun prazo de 3 meses.
A Directiva 2007/60/CE relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundacion, e a súa trasposición a través do Real Decreto 903/2010 de 9 de xullo, regulan os traballos a realizar para a planificación da xestión do risco de inundación, establecendo no seu artigo 21 o carácter cíclico destes traballos que se deberán revisar e actualizar cada 6 anos. De feito, aínda que sigue vixente o Plan de Xestión de Risco de Inundación de Galicia Costa para o ciclo 2022-2027 (aprobado por RD 27/2023 de 17 de xaneiro), Augas de Galicia xa está traballando na revisión e actualización dos contidos da planificación hidrolóxica da xestión das inundacións para o ciclo 2028-2033.
Como recordatorio, os traballos a realizar periódicamente segundo a Directiva de Inundacións son os seguintes:
• A EPRI; Avaliación preliminar do risco de inundación, na que se determinan aqueles tramos de río catalogados como ARPSI (Areas de Risco Potencial Significativo de Inundación).
• Os MAPRI: Mapas de perigosidade e risco de inundación, nos que se realizan estudos de detalle das ARPSIs, delimitando os seus mapas correspondentes de perigosidade (extensión de chairas de inundación e calados), e de risco (afeccións á poboación, á actividade económica, á áreas de importancia medioambiental e outros elementos de especial importancia para protección civil, como escolas, hospitais, centros de saúde…)
• O PXRI: Plan de Xestión de Risco de Inundación, que está constituído por un programa de medidas co obxectivo de minimizar os danos ocasionados polas inundacións.
Unha vez delimitadas xa as ARPSIs para este 3º ciclo, Augas de Galicia procedeu á revisión e actualización dos seus correspondentes mapas de perigosidade e risco de inundación, que se someten agora a un proceso de consulta pública durante 3 meses.
A información a consulta, está a disposición do público en xeral na web e visor oficial de Augas de Galicia, e consta de:
• Información xeográfica asociada
Dentro do visor, a información a consulta pública dispoñible, tanto en modo visualización como descarga, atópase no epígrafe INUNDABLES NOVO!, subepígrafe D2007/60 Mapas Inundables Fluviais ciclo 2028-2033 CP
A información a consulta pública, inclúe a delimitación de mapas de perigosidade e risco de inundación de;
• Novos tramos delimitados como ARPSIs fluviais neste ciclo 2028-2033.
• ARPSIs fluviais delimitadas nos ciclos anteriores, nos que a administración hidráulica procedeu a realizar unha revisión e actualización.
Esta revisión foi realizada por diversos motivos técnicos; modificacións xeradas por obras, melloras e actualizacións dos modelos hidráulicos asociados, correccións de erros…
Non se inclúe na consulta pública, os mapas de perigosidade e risco de inundación de;
• ARPSIs fluviais delimitadas en ciclos anteriores, nos que non se realizou ningunha actualización por parte da administración hidráulica.
Nestas ARPSIs fluviais, seguirán vixentes os mapas de perigosidade do ciclo anterior.
• ARPSIs costeiras.
Mantéñense os mapas destas ARPSIs, ao non considerar necesaria a súa actualización a administración con competencia, que é a Dirección da Costa e o Mar, do MITERD.
Por último cabe destacar, que durante a consulta pública destes mapas, e mentres non se aproben os mapas definitivos para o ciclo 2028-2033 por parte do Comité de Autoridades Competentes de Augas de Galicia, seguen vixentes os Mapas de Perigosidade e Risco de Inundación correspondentes ao ciclo 2021-2027.
Para calquera dúbida ou aclaración adicional poden dirixirse a: planinundacions.augasdegalicia@xunta.gal

