
A Enxeñaría Forestal no Mercado de CO2 e Proxectos de Compensación – Webinar 12/06/2025
O pasado 12 de xuño, o COETFG celebrou o Seminario Web titulado “Mercado de CO2 e Proxectos de Compensación”, centrado nun dos novos retos do sector forestal que está permitindo dotar á sociedade de ferramentas para a loita contra o cambio climático.
O encontro, coincidiu coa entrada en vigor do “Real Decreto 214/2025, de 18 de marzo, polo que se crea o rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono e polo que se establece a obriga do cálculo da pegada de carbono e da elaboración e publicación de plans de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro”, publicado no BOE do 12/04/2025, e que neste momento está pendente das correspondentes directrices por parte dos estamentos administrativos con competencias na materia.
A xornada foi inaugurada por Xaime Iglesias Pérez, decano do COETFG, que deu a benvenida as persoas asistentes e agradeceu a colaboración e o traballo do compañeiro e relator, Xosé Covelo, Director Técnico da Asociación Forestal de Galicia, Enxeñeiro Técnico Forestal e Enxeñeiro de Montes.
O encontro reuniu a profesionais da Enxeñaría Forestal con distintos perfís, autónomos, empresas consolidadas e profesionais recen incorporados ao eido laboral, para achegarnos a este campo e abordando as seguintes temáticas:
Situación lexislativa
Ciclo de Carbono
Pegada de Carbono: cálculo, rexistro e selos
Compensación de CO2: proxectos, rexistro
Mercado de CO2 e impacto económico na actividade forestal
Así mesmo e en relación coas temáticas abordadas queremos destacar a visión ofrecida sobre os distintos procesos nos que a Enxeñaría Técnica Forestal terá un espazo claro para o seu desenvolvemento, presentándose estes como novas oportunidades de traballo que sitúan á profesión como esencial e indispensable, polo que debemos recoller a testemuña que as novas normativas e necesidades sociais nos están ofrecendo.
Dende o COETFG consideramos de enorme interese este tipo de encontros nos que se facilita o debate técnico e reforzan o compromiso coa formación do colectivo, así mesmo agradecemos de forma moi especial a colaboración de profesionais, que como Xosé Covelo comparten as súas experiencias e coñecementos, facilitando o acceso aos recursos e o desenvolvemento profesional.

