
Adhesión do COETFG á Declaración: “Tolerancia e Respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”
2025/08/04, O COETFG adhírese á “Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia” promovida polas 35 organizacións membro de de EAPN Galicia – Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social.
Nun contexto no que as mensaxes que sementan odio e infunden medo están calando en gran parte da sociedade, é preciso a unión da cidadanía para posicionarnos ante esta escalada.
As 67 entidades, federacións e colexios profesionais que xa asumimos a Declaración ata agora expresamos o noso compromiso pola tolerancia e o respecto, facendo así un chamamento colectivo e urxente para facer fronte ao aumento destes discursos, a criminalización da pobreza e a aporofobia, especialmente das persoas en situación de vulnerabilidade. Valores e compromiso que teñen a práctica totalidade das organizacións do Terceiro Sector e do resto de familias da economía social e solidaria galega, e que entendemos que a noso colexio profesional debe asumir tamén.
Actualmente estanse a ver situacións preocupantes nas que estas mensaxes de odio están materializándose en actuacións violentas contra grupos de poboación vulnerable. Feitos que non poden quedar impunes, e precisan dunha inmediata reacción.
Con esta adhesión sumámonos a outras 70 entidades galegas que xa asinaron esta Declaración reiterando o establecido na Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020, baseada en que:
• As persoas non son culpables da súa pobreza.
• Ninguén é culpable do seu sufrimento.
• Ningunha persoa é inútil.
As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas.
Asumindo a declaración, reclamamos ás forzas políticas e institucións públicas que asuman a súa responsabilidade e garantan as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas, sen ningún tipo de vacilación ou dúbida. Pero tamén comprometémonos a difundir e poñer o foco nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización ou as visións terxiversadas das persoas que viven en situación de exclusión social.
Ademais convidámosvos a asumir esta declaración e a difundila nas vosas redes sociais (co cancelo #ContrAporofobia) e naquelas organizacións que creades oportuno..

