Arranca a organización de “Galiforest 2026” – 16/07/2025

Con data do 16/07/2025 celebrouse a 1ª reunión do Comité Organizador de "Galiforest Abanca 2026" na sede da Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda (Pontevedra), e no que como ven sendo habitual participou o COETFG.

O encontro comezou co balance de datos da última edición, celebrada en xuño de 2024, na que Galiforest se consolidou como a maior feira forestal de España, dando pe a tramitar a solicitude do recoñecemento da internacionalización do evento, xa que contou coa presencia de 360 firmas expositoras de 28 países, materializadas a través de 107 expositores directos. Así mesmo, o número de visitantes alcanzou os 9.612, o que supón un incremento de mais do 34 % con respecto a edicións anteriores.

Como novidades de cara ao 2026, a Fundación informou da posta a disposición de maior superficie tanto expositiva como para demostracións, do mantemento de tarifas, así como da aplicación de descontos á fidelidade dos expositores. Con respecto á promoción da Feira, expúxose o plan de marketing e difusión en feiras, eventos, medios de comunicación e entidades colaboradoras.

Destacouse ademais a proposta de celebración do II Simposio Ibérico de Silvicultura, coincidindo no mesmo espazo e datas.

Posteriormente, todos os membros do Comité, trasladaron a súa visión respecto da edición anterior e distintas propostas de mellora que foron recollidas e tentarán ser implantadas.

Finalmente se confirmaron as datas para a VIII Edición de Galiforest Abanca, que se celebrará do Xoves 02 ao Sábado 04 de Xullo de 2026.

Coa mirada xa posta en Xullo de 2026, continuaremos traballando e dando forma a nosa feira forestal para fortalecer aínda mais o seu recoñecemento a un tempo que poñemos en valor o sector forestal galego e todos e cada un dos eslabóns que o compoñemos.

Os avances na convocatoria da Feira poderán consultarse no PORTAL GALIFOREST