
O COETFG participa no acto de graduación da EPSE de Lugo- 12/07/2025
Un ano máis o COETFG participou con orgullo no acto de graduación dos Enxeñeiros e Enxeñeiras Forestais da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), que tivo lugar o pasado sábado 12/07/2025 ás 17.00 horas na sede da EPSE en Lugo, acollendo a autoridades, alumnado, profesorado e por suposto familiares e achegados da nova promoción de enxeñeiras e enxeñeiros.
O encontro moi cercano e familiar, estivo presidido por María José Gómez, Conselleira do Medio Rural, que resaltou a importancia da formación para o futuro do rural; a directora do centro Rosa Romero; o vicerreitor Francisco Fraga; o Concelleiro de Xuventude e Deportes Jorge Bustos e os representantes dos distintos colexios profesionais.
Na súa intervención, logo de trasladar o agradecemento polo convite e saudar aos presentes, Xaime Iglesias, Decano do COETFG, achegou a noraboa aos graduados e graduadas tanto polo esforzo realizado para rematar os estudos e acadar o título, como pola elección da nosa carreira, sen dúbida cun enorme vínculo ao territorio e á poboación galega.
Así mesmo, destacou o valor do COETFG como ferramenta esencial para tecer redes e compartir coñecemento, permitíndonos crecer como profesionais e como colectivo. Sinalou ademais, que o colexio serve de soporte e axuda de todas as persoas que o conformamos, e ofrece un espazo para a expresión de opinións e o debate, así como o canal de comunicación coa sociedade, en especial á hora de desenvolver estratexias e políticas que deban ter en conta a nosa profesión.
Para finalizar, desexoulle moita sorte aos recén titulados no camiño que decidan escoller, tanto aos que decidan dar continuidade aos seus estudos, como aos que dean o paso cara o exercicio profesional, e abriu as portas do colexio para calquera axuda que podamos prestar.

